Wednesday 26 de June de 2024

Román Rodríguez desstaca a alianza con Netflix, Vaca Films e Fad Juventud para formar grandes profesionais do audiovisual


O conselleiro de Educación participa na clausura da segunda edición deste programa no que participan 25 estudantes, que recibiron formación como atrecistas

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou esta mañá na clausura da segunda edición do programa Formando equipo: traballa no audiovisual, impulsado polo Goberno galego, a plataforma Netflix, a produtora Vaca Films e a fundación FAD Juventud para a formación específica de estudantes no eido audiovisual.
Román Rodríguez destacou a aposta da Xunta por formar profesionais coa máxima cualificación para dar resposta ás necesidades dos sectores produtivos en xeral, facendo fincapé neste caso no audiovisual. “Estamos a falar dun tecido produtivo que atravesa un momento de madurez e esplendor sen precedentes, motivado tanto pola calidade das empresas como polo talento dos seus profesionais”, sinalou.

“Os estudantes que se decantan polo audiovisual como saída profesional escollen unha opción moi positiva, pero é moi importante que o fagan con todas as competencias, habilidades e coñecementos para asegurar tanto a inserción laboral como a calidade e competitividade do sector”, destacou.

A este respecto, o titular do departamento educativo da Xunta quixo felicitar a Netflix, Vaca Films e FAD Juventud pola organización deste programa. Aos alumnos participantes trasladoulles a responsabilidade que teñen “para mellorar unha industria da que estamos orgullosos e que é un referente a nivel estatal”.
O dobre de participantes
Un total de 25 alumnos de ensinanzas artísticas e de FP participaron este ano na segunda edición do programa Formando equipo: traballa no audiovisual, na que recibiron unha formación profesionalizadora de perfil de atrecista enfocada no audiovisual. O obxectivo é dar a coñecer as oportunidades que ofrece o sector en profesións que non están orixinalmente vencelladas a el, ao tempo que se crean sinerxías entre as entidades implicadas e se contribúe á formación de persoal neste ámbito produtivo.

O curso desenvolveuse no Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago e participaron nel estudantes dos ciclos de Escultura aplicada ao espectáculo e de Dourado, prateado e policromía das escolas de arte e superiores de deseño Pablo Picasso (A Coruña), Mestre Mateo (Santiago de Compostela), así como alumnado dos ciclos de Deseño e amoblamento dos centros integrados de FP Someso (A Coruña), Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela), Valentín Paz Andrade (Vigo) e A Xunqueira (Pontevedra).